Monday 06 de May de 2024

Alternativa dos Veciños Cambre denuncia a pasividade do Concello ante os numerosos vertidos ilegais de lixo


“Cambre estase a converter nunha escombreira. Volvemos denunciar por enésima vez esta situación a principios de novembro e a día de hoxe non temos resposta algunha ao respecto por parte do goberno local”, afirma Raúl Varela.

O compromiso de Alternativa dos Veciños co medioambiente é unha das pedras angulares do programa da nosa formación política. Nesta tarefa denunciáronse publicamente en varias ocasións vertidos ao río Mero, depósitos de lixo en numerosos lugares á vista de todos os transeúntes, vertidos de uralitas ao lado de contedores do lixo; co risco que conleva ao tratarse de materiais sensibles e altamente contaminantes… Alternativa dos Veciños Cambre denunciou tamén depósitos de lixo ao pé da Casa Bailly, vehículos abandonados na base de protección Civil, preto ao río Mero etc.

O goberno local responde con evasivas argumentando que a veciñanza debe denunciar os vertidos ante a administración mais a día de hoxe o Concello de Cambre segue sen facer nada ao respecto. Unha cousa é facer partícipes á veciñanza da política local e outra que lle faga o traballo aos políticos que non saen do seu despacho e non coñecen a realidade do concello que gobernan.

Desde Alternativa dos Veciños Cambre preguntámonos que será o seguinte, converter á veciñanza en serenos para que vixíen este tipo de actuacións incívicas? O goberno municipal debe garantir a protección do medioambiente e a calidade de vida da veciñanza de Cambre e actuar ao efecto contra todas aquelas persoas que atenten contra o mesmo. Desde AV emprazamos ao Concello para que actúe contra todos estes delincuentes ecolóxicos.